Os programas de cooperación son instrumentos a través dos que se ofrece ás persoas demandantes de emprego unha oportunidade para adquirir a experiencia laboral que redunde na mellora da súa empregabilidade e que facilite a súa futura inserción no mercado de traballo, canalizando a práctica laboral adquirida cara as ocupacións que faciliten unha maior estabilidade no emprego.
Para iso, Emprego Galicia concede, cada ano, subvencións destinadas a financiar a contratación de persoas desempregadas para a realización de servizos de interese xeral e social en colaboración coas entidades locais ou coas entidades privadas sen ánimo de lucro con centros de traballo en Galicia.
Estes programas de apoio cumpren así unha dobre función: mellorar a empregabilidade das persoas contratadas a través da adquisición de experiencia na súa categoría profesional e realizar tarefas e servizos de utilidade social e de interese para a comunidade.
PROGRAMAS DE COOPERACIÓN COAS ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO 2026
A convocatoria para 2026, publicada mediante a Orde do 7 de xullo de 2026 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento TR352A), ten por obxecto subvencionar a contratación de persoas traballadoras desempregadas e mulleres vítimas de violencia de xénero desempregadas para a realización de servizos de interese xeral e social, co obxecto de proporcionarlles unha experiencia e práctica profesional que facilite a súa inserción laboral.
Pódese consultar máis información e a listaxe de programas de cooperación con entidades sen ánimo de lucro 2026 no seguinte enlace: Programas Cooperación 2026