Os programas de cooperación son instrumentos a través dos que se ofrece ás persoas demandantes de emprego unha oportunidade para adquirir a experiencia laboral que redunde na mellora da súa empregabilidade e que facilite a súa futura inserción no mercado de traballo, canalizando a práctica laboral adquirida cara as ocupacións que faciliten unha maior estabilidade no emprego.
Para iso, Emprego Galicia concede, cada ano, subvencións destinadas a financiar a contratación de persoas desempregadas para a realización de servizos de interese xeral e social en colaboración coas entidades locais ou coas entidades privadas sen ánimo de lucro con centros de traballo en Galicia.
Estes programas de apoio cumpren así unha dobre función: mellorar a empregabilidade das persoas contratadas a través da adquisición de experiencia na súa categoría profesional e realizar tarefas e servizos de utilidade social e de interese para a comunidade.
PROGRAMAS DE COOPERACIÓN COAS ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO 2025
A convocatoria para 2025, publicada mediante a Orde do 4 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e as subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento TR352A), ten por obxecto subvencionar a contratación de persoas traballadoras desempregadas e mulleres vítimas de violencia de xénero desempregadas para a realización de servizos de interese xeral e social, co obxecto de proporcionarlles unha experiencia e práctica profesional que facilite a súa inserción laboral.
Requisitos a cumprir polas persoas demandantes
As persoas que sexan contratadas para a realización dos servizos polos que se outorgue a subvención deberán cumprir os seguintes requisitos no momento da selección e da contratación:
1. Estar inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupadas e que estean dispoñibles para o emprego.
2. Non ter sido contratadas por un período igual ou superior a seis meses, con cargo ás axudas de programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, referentes aos anos 2022 (procedemento TR352A), 2023 (procedemento TR352A) e 2024 (procedemento TR352A).
3. Tampouco poderán ser contratadas as persoas cónxuxes, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, das persoas que exerzan funcións directivas na entidade.
Pódese consultar máis información no seguinte enlace: Programas de Cooperación 2025